Igrexas

Santuario de Pastoriza

43º 20' 6''  8º 28' 4'' W              ver mapa

Situada na parroquia de Pastoriza Desde Arteixo accédese pola AC- 415 dirección A Coruña.

A igrexa de Santa María constitúe o “Santuario da Virxe de Pastoriza”. De orixe románica pero actualmente é unha igrexa barroca do s. XVII, de unha soa nave e cun presbiterio que ten forma de Ábsida semicircular románica. Acubilla unha imaxe da Virxe que data do s. XIII.

Sen lugar a dúbidas, unha xoia da arte relixiosa no Concello de Arteixo.

A orixe do Santuario e a devoción á Virxe de Pastoriza están envoltos en infinidade de lendas e antigas tradicións, como as que están recollidas nun libriño, “ La leyenda de la Pastoriza”, escrito pola recoñecida autora Dna. Emilia Pardo Bazán e publicado na Coruña en 1887.

“A fuer de buen coruñesa he profesado siempre cariño y devoción a la virgen del mar, de quien oigo desde mi niñez en boca de gente sencilla, mil historias prodigiosas”, escribía a condesa Pardo Bazán. 

Hoxe en día son centos de romeiros os que lle seguen profesando cariño e devoción á Virxe, acudindo en peregrinación sobre todo na Romaría do San Miguel o 29 de setembro que logo continúa todos os domingos de outubro.

Un camiño conduce desde o Santuario de Pastoriza ao Monte do Cruceiro onde hai unha imaxe, o “berce da Virxe” e un montón de pedras, lugar onde estivo agachada a Inmaculada.

Os romeiros dan tres voltas ás pedras, despois pasan por debaixo das mesmas e bican a imaxe da Santa. Este lugar ten unhas espléndidas vistas e lendas coma a da “Silla do Rei”, unha pedra parecida a unha cadeira onde seica sentaba o rei suevo Rechiario para contemplar Suevos, a súa vila.

San Tirso de Oseiro


43º 19' 23'' N   8º 29' 23'' W       ver mapa

Desde Arteixo accédese desde a rotonda do Seixedo , dirección Oseiro. Unha vez en Oseiro temos a indicación a man esquerda.

Esta igrexa foi construída entre os anos 1161 e 1164; É un claro exemplo do románico de Arteixo.Ten unha nave con cuberta  a dúas augas e ábsida rectangular cuberta por unha bóveda de canón semicircular. Presenta a peculiaridade de estar construída en tres niveis . Destaca na súa fachada un rosetón rodeado de molduras e arcos semicirculares de especial beleza.

Santa Mariña de Lañas

43º 17' 41'' N  8º 31' 16'' W      ver mapa


Desde Arteixo accédese pola AC-552 dirección Carballo.

É un exemplar do románico do século XII e principios do XIII.Ten unha soa nave con ábsida rectangular. Posúe un arco triunfal apuntado sobre semicolumnas acaroadas e, tanto a portada principal coma a do muro sur, teñen arquivoltas semicirculares sobre columnas codilladas. A ábsida cóbrese con bóveda de canón apuntado.

Santo Estevo de Morás

43º 17' 56'' N  8º 28' 23'' W       ver mapa

Este é o templo parroquial da aldea do mesmo nome, Santo Estevo de Morás. Invita ao recollemento e aos longos paseos polos seus camiños. Os escasos datos coñecidos e publicados datan do 1141.

Consta de unha soa nave, cunha ábsida rectangular cos contrafortes unidos en dous arcos semicirculares. No presbiterio éntrase por un arco triunfal apuntado sobre semicolumnas acaroadas.Conserva unha boa e variada colección de canzorros. No s.XVIII sufriu importantes modificacións que lle fixeron recuperar a súa beleza e singularidade.

San Tomé de Monteagudo

43º 17' 3'' N  8º 34' 37'' W        ver mapa

Está situada no pequeno núcleo rural chamado hoxe o Igrexario, un lugar privilexiado e protexido polo que transcorre a ruta de sendeirismo de Sisalde, o que facilita a súa visita.

Trátase dun edificio que constitúe unha mostra relevante do románico avanzado de finais do s.XII. Fundouse por unha comunidade beneditina o que xustifica a súa ausencia decorativa e a pureza das liñas do románico clásico e que hoxe funciona como igrexa parroquial. Pertencía ao priorado de Santa María de Cambre. Preto da mesma pasaba a vía romana que percorría o Concello de Arteixo.

A cuberta é a dúas augas e a planta basilical, de tres naves e tres ábsidas semicirculares nos que se abren sinxelas xanelas con arco de medio punto agregadas a corpos ou tramos rectangulares. A porta principal é moderna e a do muro norte, de arco semicircular, está tapiada; a do sur ten unha arquivolta semicircular tórica sobre unha columna por lado. Os arcos de ingreso ás tres ábsidas son apuntados sobre semicolumnas acaroadas, pero os que están ao fondo destes son de medio punto. Os tramos están cubertos por bóvedas de canón apuntadas e, os tambores en que rematan as ábsidas, bóvedas de cascarón ou de cuarto de esfera. Ao fondo presentan os tres unhas xanelas estreitas cuxas seteiras ofrecen arcos de franca ferradura. No exterior, a ábsida central está dividida en tres vanos por dúas semicolumnas acaroadas, ofrecendo un bonito beirado de arquiños semicirculares sobre ménsulas que ben merecen a súa visita.Nos muros hai contrafortes e unha curiosa e variada colección de canzorros.

Santaia de Chamín

43º 17' 36'' N   8º 33' 57'' W        ver mapa

Presenta as características das igrexas rurais románicas con posteriores reconstrucións. Na fachada presenta unhas arquivoltas e tímpano cunha cruz. Próxima ás súas inmediacións pasaba unha vía romana que continuaba até Sisalde e outros lugares.

Santa María de Loureda

43º 17' 36'' N  8º 29' 17''W       ver mapa

Por último, aínda que non menos importante, o Concello de Arteixo conta coa igrexa de Santa María de Loureda.

Orixinariamente pertencía ao románico pero sufriu unha transformación mediante a cal se aprecia o estilo neoclásico na fachada con forma triangular en parte. Só a ábsida é románica, abovedada en granito con dous arcos apuntados. Sobre o arco triunfal e no testeiro da nave penetra a luz por un orixinal rosetón. No interior conserva un maxestoso retablo no altar maior, obra de Xosé Ferreiro e do pintor Landeira (s.XVIII), unha obra mestra do seu tempo.

Sen lugar a dúbidas, o patrimonio relixioso de Arteixo é unha das maneiras coas que gozar máis do seu territorio e coñecer en profundidade as súas tradicións e costumes.

 

 



 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

Correo-e Imprimir PDF
facebookFeed RSS de ArteixoAtlánticoArteixoAtlántico en YoutubeArteixoAtlántico en Google ProfilesArteixoAtlántico en Picasa
i n f o

(C) 2014 Concello de Arteixo | www.arteixo.org