Pazos

Pazo de Anzobre

pazo anzobre

43º 17' 2'' N  8º 33' 29'' W      ver mapa

Este pazo, do século XVII, está situado na parroquia de S. Pedro de Armentón e conxuga a antiga cantaría e a moderna galería de cristais.

Conta con mostras heráldicas nas que se observan as armas dos Castros, Moscosos, Figueroas, Sotomayores, etc. A mediados do século XVI eran os seus donos Gómez Suárez de Figueroa e dona Justa Cisneros. Despois pertenceu á casa dos Ximonde e á familia dos Pugas

Actualmente non se pode visitar.

Pazo do Atín

Atópase na parroquia de Sta. María de Loureda nunha suave ladeira. Encádrase no estilo barroco e figura datado do século XVII. Conta cun fermoso xardín de mirtos onde se levanta un encoro circular de pedra.

Tamén posúe unha pequena capela cun retablo de pedra policromada. Segundo documentación que data do ano 1675 constátase que os amos naquela época eran os señores da casa Pardo Osorio. Máis tarde, por mor da desamortización, pasou á familia Pereiro no século XIX, industriais coruñeses moi coñecidos.

Actualmente non se pode visitar.

Pazo das Covadas

Está na parroquia de San Pedro de Sorrizo e os seus primeiros donos foron don Pedro Rioboo Villardefrancos, fillo de Gómez Rioboo, señor de Allo e, dona Francisca de Castro, da casa de Montaos. De estilo barroco con data do século XVII. O edificio é de dous corpos cun portón con arco de medio punto formado por firmes doelas. Salienta no mesmo o seu grande e maxestoso balcón angular que está sostido por poderosas ménsulas. Posúe dous escudos e, no máis antigo, aprécianse as armas dos Rioboo, Villardefrancos, Castro, Figueroa e algún outro cartel de complicada interpretación. No brasón máis moderno, barroco, no medio dunha grande ostentación e baixo helmo adornado de aparatosos lambrequíns, figuran as empresas dos Bermúdez, Castro, Lobera, Caamaño, Andrade, Villardefrancos e Varela.

Actualmente non se pode visitar

Pazo de Mosende

Sitúase na parroquia de Santa Mariña de Lañas e presenta, como aspecto máis salientábel, un fermoso corredor de pedra que está aberto á intemperie e sustentado por ménsulas de gran resistencia.

Actualmente non se pode visitar.



 



 

Correo-e Imprimir PDF
facebookFeed RSS de ArteixoAtlánticoArteixoAtlántico en YoutubeArteixoAtlántico en Google ProfilesArteixoAtlántico en Picasa
i n f o

(C) 2014 Concello de Arteixo | www.arteixo.org