Dec 09

Toponimia

DOCUMENTACIÓN HISTÓRICA SOBRE ARTEIXO

 

A documentación máis antiga de Arteixo que coñecemos ten a data do 26 de setembro do ano 942, e figura nunha relación de doazóns feitas ao mosteiro de Celanova por San Rosendo, o seu fundador. Arteixo aparece localizado no territorio de Faro, e procede das propiedades que San Rosendo herdou da súa tía dona Guntrode "In Faro ex dato tie mee domne Gunterodis, Artasio...". Así figura no documento núm.2 do Tombo de Celanova, (segundo a edición de J.M.Andrade. Consello da Cultura Galega, Santiago 1995, vol.1).

 

Lucas Álvarez recolle no seu libro "San Paio de Antealtares, Soandres e Toques, tres mosteiros medievais Galegos" un documento do 25 de marzo do ano 1182 onde dona Urraca González, con licenza do seu home don Froila Ramírez e do seu irmán o conde don Gómez, concerta co mosteiro de Antealtares para a cesión de por vida do mosteiro de Cambre e outras igrexas: "...et monasterio Antealtarium trado monasterium de Moralibus cum suo couto et hereditatibus et seruitialibus et familia, sicut eam ganauimus ego et uir meus de rege domno F. (ernando) cum heremita Sancti Martini, que habet iacentiam inter Cuizum et Iermaniam, et cum hereditate de Arteixo cum tota sua hereditate et cum hereditate de Ualuem,, et cum hereditate de Neli et cum omnibus suis directuris in Fenalibus et in Messorio et per ubicumque inuenire poteritis tali..."

 

A través dun manuscrito do ano 1510 de Vasco de Aponte falando da nobreza galega lemos: "...digo yo y me afirmo en que tenía de renta tres mil y quinientas cargas de pan y de vino, contando ó do Conde de Altamira y de doña Violante con la mitad de Arteixo...".

 

As terras arteixás pertenceron na Idade Media aos descendentes de Gómez Pérez das Mariñas.

 

Nestas referencias históricas vemos como se escribía tradicionalmente o topónimo. Nos séculos XIX e XX tivo vixencia unha grafía deturpada Arteijo, pero desde o ano 1985 as denominacións oficiais do concello e da parroquia pasaron a ser novamente Arteixo. En xullo de 2001 a Comisión de Toponimia de Galicia estableceu a denominación oficial de todas as entidades de poboación do territorio municipal de Arteixo e aprobou a solicitude presentada polas autoridades locais para asignarlle o mesmo nome de Arteixo á vila da capital do concello, correspondente á localidade historicamente denominada A Baiuca.

Correo-e Imprimir PDF
facebookFeed RSS de ArteixoAtlánticoArteixoAtlántico en YoutubeArteixoAtlántico en Google ProfilesArteixoAtlántico en Picasa
i n f o

(C) 2014 Concello de Arteixo | www.arteixo.org