Fraga de Sisalde

43º 17' 56'' N  8º 33' 2'' W        ver mapa

FRAGA DE SISALDE

A Fraga de Sisalde, situada na parroquia de San Xián de Barrañán, é unha das últimas testemuñas mellor conservadas que posúe o Concello de Arteixo  típicas de Galicia. Este vizoso bosque de carballos, castiñeiros, ameneiros e salgueiros acompaña augas abaixo o río Sisalde, que no seguinte tramo e até a súa desembocadura no areal de Barrañán, recibe o nome de río Boedo, o mesmo nome que reciben os terreos da súa contorna onde deposita os restos do seu leito espallados polos herbais do Boedo e dos Boediños (provén do vocábulo latino  buda ‘espadana’ que está emparentado coa raíz preindoeuropea bud- ‘auga parada’), configurando unha paisaxe de terras encharcadas, ao formar a masa resultante da terra pola acción das choivas grandes lamazais que quedan reflectidos a través da toponimia mediante os eidos nomeados “As Patulleiras”, situados nesta contorna. Aínda se conserva unha cantiga popular que lembra a crueza deste traxecto:

“Mala centella te coma

Camiño de Barrañán;

Levei os zapatos novos

Trouxen as soles na man”.

 Para acceder á Fraga de Sisalde desde Arteixo unha das opcións é viaxar pola estrada Arteixo - Caión, onde se encontran varias desviacións que permiten o achegamento a tan singular recanto.

A primeira opción atópase ao chegar á altura do areal das Combouzas. Aquí, á esquerda, está a estrada que vai de Barrañán a Lañas e, a uns 300 metros hai varias pistas á dereita que permiten a baixada á fraga.

Seguindo a estrada Arteixo-Caión e á altura do Areal de Barrañán hai outras dúas opcións. Unha está enfronte do areal, vai dar ao Igrexario e a Sisalde. A outra opción sitúase na Ponte de Chamín e discorre pola beira do río Boedo até chegar á antedita fraga.

Comezando a subida pola antedita estrada Arteixo – Caión e, en Chamín de Abaixo, hai outras dúas opcións á esquerda que tamén permiten a chegada a Sisalde.

Un roteiro paralelo ao canle permite percorrer boa parte deste espazo e visitar antigos muíños que integran un interesante conxunto etnográfico á vez que nos falan dos cultivos de cereais, que no pasado ocuparon as terras de cultivo e as ladeiras, onde hoxe medran bosques e matogueiras.


Acceso roteiro 

Correo-e Imprimir PDF
facebookFeed RSS de ArteixoAtlánticoArteixoAtlántico en YoutubeArteixoAtlántico en Google ProfilesArteixoAtlántico en Picasa
i n f o

(C) 2014 Concello de Arteixo | www.arteixo.org